A MEMORIA DA EMIGRACIÓN NAS FAMILIAS DE PORTO DO SON
Museo Marea de Porto do Son
17/07/2026 a 17/07/2027
Comisario: José Manuel Vázquez Lijó
Máis dun centenar de pezas orixinais compoñen esta exposición sobre diversos aspectos da emigración de mulleres e homes de Porto do Son que fixeron ou quixeron facer as súas Américas. Son testemuños, a gran maioría en papeis feridos polo tempo, dun fenómeno de masas que determinou o devir histórico de Galicia. Proceden de máis dunha vintena de familias, cuxos devanceiros foron a destinos transatlánticos, de onde, en moitos casos, volveron.
Mostramos unha ampla selección de cartas e tarxetas postais que chegaron aquí dende fai máis dun século, particularmente de Avellaneda en Bos Aires e de Villa del Cerro en Montevideo, que foron os centros principais dos sonenses emigrados.
Esta correspondencia reflicte a cotiandade, as alegrías, a morriña, as arelas e as diversións de xente común que aspiraba a un porvir en urbes de progreso, a unha felicidade simbolizada en escenas de namoramento e candidez reproducidas en felicitacións de aniversarios e de Nadal. Estas letras adoitaban acompañarse de retratos, moitos en poses de estudo con ocasión de vodas, bautizos e outros momentos claves do ciclo vital. Tamén hai fotos que nos dirixen cara aos espazos laborais, fálannos das afeccións e dos novos rituais civís dos nosos emigrantes, como foi o asado ou o paseo dominical pola rambla de Mar do Prata.
Así mesmo expóñense documentos administrativos (pasaportes, certificados de cidadanía…), sindicais, de sociedades de emigrantes e cheques. As remesas de aforros e as experiencias vitais dos retornados mudaron Porto do Son. Os americanos tiveron relevancia no obreirismo e na política local, e investiron nun amplo abano de actividades e negocios, tanto tradicionais (salga e comercio de sardiña, tendas de tecidos, tabernas…) como modernos, caso de cafés, de motoras de pesca, de servizos de transporte en automóbil e de cinemas.