A PEGADA DOS

AMERICANOS

Os aforros e as experiencias na emigración contribuíron á transformación das sociedades de partida, nas que a comezos do século pasado agromou o sindicalismo cun papel relevante de retornados con arelas de democracia e liberdades. Tiñan este perfil varios dos fundadores de La Protección Obrera e da Liga de Labradores de Nebra, irmandados na loita contra as inxustizas do caciquismo e a pésima xestión municipal en Porto do Son, que desencadearon os tráxicos sucesos de Cans de outubro de 1916.

Os americanos identificáronse porque, ás veces, vestiron e falaron como estranxeiros, mais, sobre todo, por introducir mudanzas na cultura material, particularmente no eido da comunicación e do lecer, como foron os gramófonos, os bandoneóns, as radios e as cámaras. Precisamente cunha Zeiss Ikon chegada de Cuba, Ramón Caamaño retratou a moita xente de Porto do Son, e fotografou as principais rúas desta vila e o castro de Baroña. Os cartos gañados na emigración empregáronse de xeito diversificado: por exemplo, en mercar terras e en redimir os foros que as gravaban, en adquirir motoras de pesca, en construír hórreos e casas de cantería… Con cemento edificouse a senlleira mansión do indiano Formoso, todo un emblema de status.

Os retornados investiron en actividades e negocios tradicionais (microcréditos, salga e comercio de sardiña, efectos navais, tabernas, comestibles, tendas de tecidos…) e noutros modernos como os cafés. Un dos primeiros do Son, aberto na década de 1920, foi do Peroloco, comisionista de embarques de pasaxeiros. Nunha pequena vila fai máis dun século esta última dedicación era excepcional, e, daquela, as ferraxarías, establecidas aquí por outros retornados como Paxariñas (alcalde e cabeza dun poderoso clan político), Manuel de Carreira ou Carlos Casal, tamén eran relativamente novidosas. Maior modernidade comportaban os servizos de subministro eléctrico (de Novium, do referido Casal, ou de Electra del Son de don Juan de la Parra) ou os de transporte en automóbil, como os ómnibus do Argentino-Gris ou os taxis de Antonio Lorenzo. Este, paradigma de emprendedor, asociouse ao seu cuñado Juan Carou e a José Tomé, sogro de ambos os dous, para instalar un inédito espazo de entretemento: o Cine Colón. Inaugurado en 1927, reportou poucos beneficios e pechou antes da apertura dous anos despois do Salón Cinema de Juan Romero Blanco, outro que viñera de Bos Aires e prosperara como armador de pesca e correspondente do Banco de Comercio Hispano-Argentino.