AS CARTAS

Os vencellos familiares transatlánticos afloran na correspondencia postal, que foi fluída entre os membros da primeira xeración de emigrantes. Gran parte desta documentación, máis opaca a primeira vista que as fotos, e moi sensible á humidade e a outros factores ambientais, non chegou ata nós. Perdemos, polo tanto, fontes insubstituíbles para reconstruír moitas microhistorias de xente do común. Estes papeis falan da morriña, das arelas, das preocupacións, dos círculos de sociabilidade e das saudades gastronómicas de persoas na procura de prosperidade, que estrañaban aos seus e tamén os chourizos do porco e as sardiñas afumadas.

Para comunicar os asuntos prioritarios dos seus proxectos vitais e, secundariamente, anécdotas e curiosidades, os emigrantes aproveitaron, con frecuencia ata o extremo, as marxes das follas, mentres que as felicitacións cursáronas en tarxetas postais. Nesta escrita adoitan abondar os erros ortográficos e gramaticais, e os reflexos diglóxicos, pois a formación letrada dos remitentes era, polo xeral, deficiente. As acostumadas cortesías e desexos de boa saúde ocupan as primeiras liñas das cartas, que rematan coas despedidas, máis ou menos cordiais, acorde coa relación establecida co destinatario. Nos parágrafos centrais desenvólvense os temas que motivaron a carta: as novas sobre as vodas, os embarazos, os nacementos, as enfermidades, as desgrazas e as mortes dos máis achegados, que se relatan ao tempo que se espertan as lembranzas de persoas e espazos compartidos. Tamén se informa do envío de cartos e do destino destas remesas, da xestión do patrimonio familiar e de sucesos na comunidade de acollida e doutros no eido internacional con efectos nos mercados de traballo e nos prezos (a Gran Guerra, o crac do 29…)

Con carácter singular, algunhas misivas entre matrimonios conteñen confesións íntimas, no eido do erotismo, cunha linguaxe codificada só descifrable pola parella en cuestión. Deste xeito, na distancia, Juan Carou e a súa Leliña, unidos por unha relación epistolar excepcionalmente longa, sinceira e chea de paixón, mantiveron latente o lume amoroso pese a moitas desventuras.