FOTOS E POSTAIS

En caixas de cartón, en gabetas de vellas cómodas ou, rara vez, ordenadas en álbums, bastantes familias sonenses conservan fotos de devanceiros seus que fai máis dun século comezáronas a enviar desde América. As marcas fotográficas e a publicidade no dorso destas imaxes, de moi diversos tamaños e con frecuencia deterioradas polo uso e polo tempo, remiten aos dous principais destinos do éxodo das xentes de Porto do Son: Avellaneda en Bos Aires e Villa del Cerro en Montevideo. A identificación das mulleres e homes retratados non sempre foi posible, en especial en moitas das fotografías máis antigas, rescatadas do esquecemento para esta mostra. Habitualmente estas persoas posaron soas ou na compaña de familiares e amigos en estudos diante de panos decorativos de fondo, lucindo roupas e xoias (colares, pendentes, reloxos de peto…) propias ou prestadas, e, no caso de nenas e nenos en boa posición social, con disfraces de modista. Acudiron ao fotógrafo para coñecer e compartir momentos claves do ciclo vital como vodas, bautizos, primeiras comunións e, tamén, as mortes dos máis queridos.

Así mesmo, algúns destes documentos condúcennos ás rúas metropolitanas, aos grandes peiraos onde embarcaron ou desembarcaron, ás portas e ao interior das súas casas, aos espazos laborais (tendas de comestibles, talleres mecánicos, buques mercantes…) Grazas a estas fotografías sabemos as súas afeccións, como a pesca e o fútbol, e de “rituais” relixiosos e civís onde non faltou a música e o asado. Pola súa abundancia, cómpre mencionar os retratos, a miúdo en formato de tarxeta postal, que se fixeron nas praias e na rambla da emblemática cidade-balneario de Mar do Prata, destino vacacional predilecto dos galegos aveciñados no Gran Bos Aires.

Aos fogares que tiñan familiares ou amigos emigrados nas Américas tamén chegaron unha chea de postais dedicadas. Unhas con vistas dos portos de escala, como Lisboa ou Madeira, outras amosan o transatlántico no que viaxaban, ou edificios sobresaíntes ou espazos urbanos icónicos das cidades de destino (Bos Aires, Montevideo, Nova York…) con enfoques de influencia cinematográfica. Emporiso, a maioría son felicitacións de aniversarios ou do Nadal enmarcadas en imaxes candorosas e estereotipadas de familias en harmonía e de namorados que simbolizan unha felicidade que todos, remitentes e destinatarios, arelaban.