OUTROS DOCUMENTOS: identidade, socialización, aforros…

Unha serie de documentos de diversa índole axuda a compoñer relatos colectivos e individuais ao redor da emigración, excepcionalmente narrados de puño e letra polos propios protagonistas, como o asinado por Ramón Lojo García ou a crónica impresa da viaxe de Antonio Rodríguez de Fraga. Entre os máis comúns figuran os pasaportes e os certificados de cidadanía americana, que datan a regularización destas persoas, e as matrículas nos rexistros marítimos e aduaneiros dos grandes portos, que caracterízanas profesionalmente. Dentro dos baúis dos retornados tamén chegaron algunhas tarxetas de asociados á Bolsa del Trabajo Internacional e publicidade de navieiras transatlánticas, mentres que os recordatorios festivos e de óbitos ou as estampas devocionais enviáronse por man de veciños ou por correo postal. Por esa vía xiráronse parte dos aforros dos emigrantes que amosan os cheques e outros papeis bancarios.

Dous conxuntos documentais merecen destacarse. Un é o persoal de Gloria do Catalán, que regresou en 1936 con experiencias nutricias e varios impresos co seu nome (o resgardo do billete de pasaxe de terceira á ida, as cualificacións na escola nocturna, o título de modista e a tarxeta de socia do Centro Galego de Bos Aires, entre outros). O segundo débese á familia dos Sendia e constitúe un voluminoso legado do que forman parte, xunto con máis dun cento de cartas e fotografías, cheques, tarxetas de hostais de viaxeiros, permisos consulares e mesmo billetes de lotería do Hospital da Caridade de Montevideo. Como o adquirido en setembro de 1934 por Manolo Tomé Lorenzo, arelando un premio económico que mitigara a desgraza de perder unha perna. Repatriado con pasaporte gratuíto en maio de 1935, foi acollido con agarimo e reconfortado na casa natal da Roda onde os seus descendentes seguen coidando deste rico patrimonio documental e da memoria familiar.